Proxecto multimedia de estudo e difusión da obra do arquitecto Antonio Palacios
comisariado por José Manuel Mouriño
NOVIDADES:
Fundación Contemporánea: informe do Observatorio da Cultura 2024
Novo apartado monográfico na web:
Cadernos de debuxo de Antonio Palacios
“O simple edificio illado interesa especialmente á entidade ou ao mecenas que o eleva; pero esas grandes organizacións arquitectónicas en que numerosos edificios agrúpanse en magnífico concertante -como nas ordenacións orientais da India, do México azteca, a China ou Exipto, das acrópoles gregas e foros romanos; modernas prazas, burgos rexios, parques, avenidas-, isto interesa, emociona e estimula con cívico orgullo a toda unha cidade ou a unha nación enteira…"
Antonio Palacios
OBRA EN GALICIA
OBRA EN MADRID
CADERNO DE CAMPO - Nota n. 4 (14/07/2025):
"Se non podo debuxalo, non podo pensalo"

Conviremos en que os pequenos cadernos de debuxo de Antonio Palacios son algo máis que ilustracións de lugares, persoas, animais, edificios… realizadas por un arquitecto. Eses cadernos son un mostrario inesgotable momentos de contemplación, o máis parecido a un rastro que a mirada pode deixar ao seu paso. Deles é posible extraer, por tanto, estou convencido, ideas e reflexións moito máis difíciles de destilar, directamente, da súa arquitectura xa consolidada (polo menos, cun grao equiparable de pureza). Os seus debuxos permítennos sondar momentos da súa creatividade que anteceden á arquitectura e que tamén se estenden moito máis alá dela. Xa só por unha razón como esta, podemos concedernos o luxo de declarar que a través deses debuxos podemos observar a Palacios como un autor cuxa arquitectura se estende máis aló (tamén máis «acá») dos edificios que levan a súa firma. Algo así é o que permite que o estudo da súa figura avance e que o seu recordo perviva.
Imaxinemos, por un momento, as vías de estudo que se intúen a partir deses debuxos da pedra no seu asentamento natural en Galicia. Xa a pedra nos seus edificios, tal e como advertiamos na nota anterior do noso caderno de campo, concentra un fluxo de tensións argumentais crucial na arquitectura de Antonio Palacios. Nalgún momento do seu proceso creativo, estes debuxos de conxuntos pétreos na natureza, de monumentais formacións graníticas, funcionaron como microscópicas células expresivas desde as que se estendeu unha idea clave. Hai algo neses debuxos similar a un «sema» arquitectónico, unha unidade mínima de expresión que tamén terminará «materializándose» arquitectónicamente. Eses debuxos son estratos de reflexión que dificilmente se poden ver traducidos, resoltos, dixeridos ou sintetizados, a partir dun comentario convencional sobre arquitectura. Convén explorar todo o que encerran baixo as leis da imaxe, da semántica da mirada… e mesmo, se se me permite, baixo a perspectiva de desenvolvementos estéticos similares aos das fantasías «matéricas» que formulou no seu momento Gastón Bachelard, presentes na súa Poética do espazo, en A terra e as fantasías de repouso…
Propóñoo, como nova hipótese para desenvolver a partir deste punto: Antonio Palacios comezou a abastecer de materia, á súa obra, xa desde o momento en que debuxaba un enorme conxunto de peñascos graníticos en San Cibrán (Ponteareas).
CADERNO DE CAMPO - Nota n. 1 09/07/2024: "Unha lectura sobre o comportamento da luz"
O 31 de maio do ano 2024, a 20 días do solsticio de verán, celebrouse no templo da Veracruz de O Carballiño un evento articulado a partir de tres propostas complementarias. O conxunto das actividades foi desenvolvido, simultaneamente, como un exercicio de investigación no espazo arquitectónico e como un dos primeiros actos inaugurais do proxecto Atlas Palacios 2024-2026. Tras unha charla informativa sobre a formulación xeral do proxecto, deu inicio o despregamento dunha instalación audiovisual efémera e dun concerto en directo da Coral Polifónica do Casino do Carballiño. A función da música non era a de servir como simple acompañamento á instalación senón a de establecer unha pauta temporal (tamén espacial) que condicionase o seguimento e as posibles lecturas na articulación da mesma.
O evento deu inicio ás 21:00h. Tras os 45 minutos que ocupou a charla de presentación, o paulatino escurecemento do templo (dispúxose que o seu interior, durante a actividade, fose iluminado unicamente por luz natural) permitiu ao público asistente observar non só un incremento gradual na percepción das imaxes que daban forma á instalación, senón tamén o modo en que a luz se desprazaba no interior do templo á tardiña. A claridade diúrna foi abandonando o interior do edificio mentres debuxaba nas superficies pétreas unha secuencia de escintileos, en lento varrido; unha coreografía de luces puntuais. O extremo final dese movemento terminou concentrándose en catro dos vans que esta igrexa presenta na súa ábsida. Estas catro vidreiras rectangulares, neses instantes, comportábanse como embude absorbente da luz, como un vértice de fuga ou auténtico “bufarda” final no seu percorrido…
PASAXES:
Círculo de Belas Artes de Madrid / Templo da Veracruz de O Carballiño (Ourense)
“O acto de interpoñer unha distancia entre un mesmo e o mundo exterior pode cualificarse de acto fundacional da civilicación humana; cando este espazo interposto convértese en substrato da creación artística, cúmprense as condicións necesarias para que a conciencia da distancia poida devir nunha función social duradeira. A suficiencia ou o fracaso da cal como instrumento espiritual orientador determina o destino da cultura humana.”
(Aby Warburg, introdución ao Atlas Mnemosyne)