Banco Español del Río de la Plata en Madrid
TEMPO
Construción: 1910-1918
LUGAR
Realizado, como noutros exemplos da súa produción arquitectónica, en colaboración con Joaquín Otamendi, na actualidade acolle a sede central do Instituto Cervantes en Madrid. Tamén coñecido como o edificio das Cariátides, polas catro figuras helenísticas que flanquean a súa entrada principal, o edificio presenta unha estrutura que remite, indubidablemente, a un templo grego baixo unha sorte de orde clásica modernizada. Ao contrario do que ocorre noutros moitos exemplos da súa arquitectura, nos que as formas son dominadas pola verticalidade, o Banco Español del Río da Prata amosa unha horizontalidade que supón un auténtico desafío polo emprazamento do inmoble nunha gran urbe como a cidade de Madrid. Poderiamos falar, mesmo, dunha curiosa formulación dialéctica a este respecto se analizamos este predominio da horizontalidade na Sede do Instituto Cervantes con outra proposta marcadamente horizontal, o Hospital de Maudes. Este último, realizado na mesma época, resolve a súa horizontalidade cun movemento expansivo, fronte á concentración e distribución “centrípeta” do o Banco Español del Río da Prata.