Monumento da Virxe da Rocha en Baiona

TEMPO

Construción: 1910-1930

LUGAR

Sen dúbida, unha das obras icónicas de Antonio Palacios en Galicia, a Virxe da Rocha de Baiona condensa dun modo extraordinario moitos dos argumentos simbólicos trazados por Palacios na súa arquitectura. No proxecto orixinal (que xorde por iniciativa do empresario Laureano Salgado) a obra funcionaba como faro, pois a Virxe portaba na súa man estendida un farol eléctrico. A súa función efectiva, ademais de honrar á Virxe do Carmen, terminou sendo a de simbolizar a chegada da electricidade á Vila de Baiona, así como a particularidade de ser este lugar o primeiro punto da península en que se tivo noticia do descubrimento de América. Na súa man dereita a Virxe terma, hoxe en día, dunha barca de pedra: “A intención de lembrar o acontecemento histórico exprésase na carabela que a virxe sostén na súa man. Motivo histórico que Palacios volve utilizar na ábsida do templo Votivo do Mar de Panxón.” *

Aínda que Palacios ideou a figura da Virxe cunha tonalidade branca predominante, esta só emerxe, na súa resolución final, nas mans e na face da Virxe. Estes elementos foron labrados en mármore branco polo escultor madrileño (colaborador de Palacios noutros edificios como o Palacio de Comunicacións ou na Sede do Instituto Cervantes de Madrid) Ángel García. A figura na súa forma final, de marcado carácter modernista, presenta unha coroa adornada con detalles de cerámica, tal e como é posible apreciar noutras obras do arquitecto (Hospital de Maudes, Círculo de Belas Artes de Madrid).

*Antonio Palacios. A pedra, o país, a arte, o urbanismo, a renovada tradición: O oficio de arquitecto. Xosé María Ramón Iglesias Veiga, Ir Indo Edicións, Vigo, 1995.

Constelacións / Sementes / Xestos / Movimentos

Fragmento de As nosas festas de aló (1918) - Restauración Filmoteca de Galicia (CGAI)