ATLAS PALACIOS 2024-2026, proposta de estudo, difusión e revalorización do patrimonio, busca despregar unha rede expositiva que materialice, in situ, o diálogo analítico e institucional que asume como premisa orixinal. Diversas instalacións audiovisuais, deseñadas de maneira específica para a súa localización nos propios edificios concibidos por Antonio Palacios que así o permitan (ou ben, en espazos alternativos asociados), proxectarán sobre a arquitectura imaxes pertencentes ás obras ideadas por Palacios tanto en Galicia como en Madrid. A través deste conxunto de instalacións audiovisuais interrelacionadas, cada edificio farase eco doutros espazos imaxinados polo arquitecto, compoñendo así un xogo de resonancias que axudará a comprender mellor a dimensión global do seu xenio. Esta rede expositiva é o vértice do proxecto onde a arquitectura real, combinada coa virtualidade dunha análise de natureza audiovisual, traslada o diálogo exposto cara a unha experiencia autenticamente inmersiva.

O primeiro destes eventos tivo lugar no Templo da Veracruz do Carballiño, Ourense, no mes de maio de 2024. O mesmo comprendía unha charla didáctica sobre os principais obxectivos do proxecto, un concerto da Coral Polifónica do Casino do Carballiño e o deseño e instalación de catro focos de proxección na zona do altar maior do templo. Os seguintes rexistros audiovisuais e fotografías documentan diversos momentos do acto, que serviu tamén como presentación do ATLAS PALACIOS 2024-2026 na vila ourensá.