CADERNOS DE DEBUXO DE ANTONIO PALACIOS

Os cadernos de debuxo de Antonio Palacios representan un conxunto documental de valor incalculable. Comprenden un total de dez cadernos, de pequeno formato e diversa datación, repletas na súa maioría de apuntamentos e bosquexos tomados do natural polo arquitecto. Os orixinais destes cadernos atópanse no arquivo documental do Concello do Porriño, lugar de nacemento de Palacios, na provincia de Ponteverda. A serie de debuxos que atesouran permítennos sondar momentos da creatividade do seu autor que anteceden á arquitectura e que tamén se estenden moito máis alá dela.

CADERNO DE CAMPO - Nota n. 3 (08/06/2025):

"A pedra, o esqueleto do mundo"

Francis Ponge, no seu libro Tomar partido polas cousas (Le parti pris deas choses, 1942), ofrece unha fermosa reflexión sobre un pequeno seixo a partir dunha imaxe substancialmente fértil, suxestiva en infinidade de direccións: todas as rocas proceden dun mesmo antepasado enorme. Unha especie de heroe mitológico inaugural, un ser que era “do tamaño do mundo”. No seu escrito, Ponge describe, mesmo, que toda forza ou presión tectónica que se produce no interior da terra víase reflectida nese ser como “pliegues parecidos aos dun corpo que se axita ao durmir baixo as mantas”. Tras eses períodos, nos que lentamente se foi acomodando toda a súa estrutura laminada, “o noso heroe, sometido como por unha monstruosa camisa de forza, só conseguiu explosións íntimas, cada vez máis raras, cun efecto resquebrajante sobre unha capa exterior cada vez máis pesada e fría”. Nos fragmentos máis grandes que produciu a disgregación dese primeiro antepasado pétreo, ao arrefriarse, atoparíase, segundo o seu relato, a osamenta do noso planeta. A través desta especie de fábula, Ponge non fai senón escenificar ou personificar un dos nosos vínculos arcaicos máis elementais. A súa mención axuda a comprender que a creación de obras baseadas no emprego da pedra restablece, con evidencias ou intensidades variables, a nosa relación común con ese “esqueleto do planeta”. Con maior razón poderiamos dicilo se a obra en cuestión presenta unhas dimensións monumentais, como cando se trata dunha xigantesca edificación en pedra. Obras así poderían ser admiradas como templos consagrados a aquel antepasado de toda pedra.
 

Fragmento do film ‘As nosas festas de aló’ (1918) – Restauración de Filmoteca de Galicia (CGAI)

CADERNO DE CAMPO - Nota n. 4 (14/07/2025):

"Se non podo debuxalo, non podo pensalo"

Conviremos en que os pequenos cadernos de debuxo de Antonio Palacios son algo máis que ilustracións de lugares, persoas, animais, edificios… realizadas por un arquitecto. Eses cadernos son un mostrario inesgotable momentos de contemplación, o máis parecido a un rastro que a mirada pode deixar ao seu paso. Deles é posible extraer, por tanto, estou convencido, ideas e reflexións moito máis difíciles de destilar, directamente, da súa arquitectura xa consolidada (polo menos, cun grao equiparable de pureza). Os seus debuxos permítennos sondar momentos da súa creatividade que anteceden á arquitectura e que tamén se estenden moito máis alá dela. Xa só por unha razón como esta, podemos concedernos o luxo de declarar que a través deses debuxos podemos observar a Palacios como un autor cuxa arquitectura se estende máis aló (tamén máis «acá») dos edificios que levan a súa firma. Algo así é o que permite que o estudo da súa figura avance e que o seu recordo perviva.

Imaxinemos, por un momento, as vías de estudo que se intúen a partir deses debuxos da pedra no seu asentamento natural en Galicia. Xa a pedra nos seus edificios, tal e como advertiamos na nota anterior do noso caderno de campo, concentra un fluxo de tensións argumentais crucial na arquitectura de Antonio Palacios. Nalgún momento do seu proceso creativo, estes debuxos de conxuntos pétreos na natureza, de monumentais formacións graníticas, funcionaron como microscópicas células expresivas desde as que se estendeu unha idea clave. Hai algo neses debuxos similar a un «sema» arquitectónico, unha unidade mínima de expresión que tamén terminará «materializándose» arquitectónicamente. Eses debuxos son estratos de reflexión que dificilmente se poden ver traducidos, resoltos, dixeridos ou sintetizados, a partir dun comentario convencional sobre arquitectura. Convén explorar todo o que encerran baixo as leis da imaxe, da semántica da mirada… e mesmo, se se me permite, baixo a perspectiva de desenvolvementos estéticos similares aos das fantasías «matéricas» que formulou no seu momento Gastón Bachelard, presentes na súa Poética do espazo, en A terra e as fantasías de repouso

Propóñoo, como nova hipótese para desenvolver a partir deste punto: Antonio Palacios comezou a abastecer de materia, á súa obra, xa desde o momento en que debuxaba un enorme conxunto de peñascos graníticos en San Cibrán (Ponteareas).

“Debuxar coa finalidade de descubrir, ese é un proceso divino; é atopar o efecto e a causa. A forza da cor non é nada comparada á forza da liña; a liña, que non existe na natureza, pero que expón e demostra o tanxible con maior definición que a propia vista fronte ao obxecto en cuestión. Debuxar é coñecer coa man: ter a proba que pedía o apóstolo Tomás. Da mente do artista, vía o lapis ou a pluma, sae unha proba de que o mundo é sólido, material ”

JOHN BERGER

Sobre o debuxo

Consistorio do Concello de O Porriño

O proxecto do edificio, cuxa execución se concretou grazas ao mecenado de Ramón González, foi realizado e entregado gratuitamente por Antonio Palacios ao Concello do Porriño...

Constelacións / Sementes / Xestos / Movementos:


Círculo de Bellas Artes de Madrid / Templo da Veracruz de O Carballiño (Ourense) / O Porriño, materia e memoria

“O acto de interpoñer unha distancia entre un mesmo e o mundo exterior pode cualificarse de acto fundacional da civilicación humana; cando este espazo interposto convértese en substrato da creación artística, cúmprense as condicións necesarias para que a conciencia da distancia poida devir nunha función social duradeira. A suficiencia ou o fracaso da cal, como instrumento espiritual orientador, determina o destino da cultura humana.”

(Aby Warburg, introdución ao Atlas Mnemosyne

VISITA O PORRIÑO

A poucos quilómetros da cidade e o aeroporto de Vigo, no corazón da provincia de Pontevedra, atópase o lugar de nacemento de Antonio Palacios. Descúbreo…

Co apoio de: