Central Hidroeléctrica do Tambre en Noia
TEMPO
Construción: 1924-1926
LUGAR
Este edifico é a mostra máis importante, en Galicia, dos proxectos de arquitectura industrial de Antonio Palacios. Trátase, ademais, doutro bo exemplo da vertente “rexionalista” do arquitecto, aínda que non repite todas as características comúns con outros edificios que poden ser interpretados como pertencentes á devandita tendencia. Nesta ocasión, o seu carácter de arquitectura rexionalista concéntrase no aire de fortaleza medieval e no carácter natural da pedra empregada, bañada a edificación por unha impresión de materia en bruto similar á que presenta o Mosteiro da Visitación das Salesas Reais (Vigo).
Tamén de xeito diferente a outras edificacións do arquitecto, este edificio atópase nun emprazamento illado, no medio dunha paraxe natural pola que discorre o río Tambre. Escenario “salvaxe” que dialoga poéticamente coas formas arquitectónicas de Palacios máis próximas á súa orixe galega.