Templo da Veracruz de O Carballiño

LUGAR

TEMPO

Construción: 1943-1957

Culminada a súa construción anos despois do falecemento do arquitecto en 1945, este templo foi rematado grazas, en boa medida, ao empeño do seu promotor, o párroco D. Evaristo Vaamonde, así como pola iniciativa veciñal no seu financiamento e o bo facer e a xenerosidade do construtor e mestre de canteiros Adolfo Otero e a súa familia. A idea, que inicialmente impulsou a creatividade de Palacios para este proxecto, era a de converter a vila do Carballiño en lugar de peregrinación. Con ese obxectivo deseñou Palacios, para o lugar, unha ordenación urbanística específica que finalmente non puido ser levada a cabo.

Este templo, similar en multitude de aspectos ao Templo votivo do Mar de Panxón, participa dun desenvolvemento formal que aflora case de maneira idéntica noutros moitos proxectos do arquitecto, propostas nas que parece repetir, insistentemente una mesma fórmula na resolución estrutural dos mesmos: o proxecto do Mosteiro da Visitación das Salesas Reais de Vigo (1942), o proxecto da Igrexa de San Fausto en Chapela, Redondela (1944), o proxecto da Casa parroquial de San Francisco de Santander (1940)…

De novo atopamos, nun dos edificios considerados de estilo “rexionalistas” de Antonio Palacios, unha mesma serie de características permanentes e que aparecen sen demasiadas variacións formais:

– Linguaxe de inspiración medieval.

– Unha torre como elemento definidor, estrutural e simbólicamente, do edificio. Nesta ocasión baixo unhas dimensións considerablemente máis elevadas que noutros exemplos similares, como puidese ser o Templo votivo do Mar de Panxón.

– Accesos porticados que, polo xeral, sitúanse na base da torre.

– Grandes contrafortes nos ángulos da torre.

– Coidado especial na presentación do granito

CADERNO DE CAMPO - Nota n. 1 09/07/2024:

"Sobre o comportamento da luz no templo da Veracruz"

O 31 de maio do ano 2024, a 20 días do solsticio de verán, celebrouse no templo da Veracruz de O Carballiño un evento articulado a partir de tres propostas complementarias. O conxunto das actividades foi desenvolvido, simultaneamente, como un exercicio de investigación no espazo arquitectónico e como un dos primeiros actos inaugurais do proxecto Atlas Palacios 2024-2026. Tras unha charla informativa sobre a formulación xeral do proxecto, deu inicio o despregamento dunha instalación audiovisual efémera e dun concerto en directo da Coral Polifónica do Casino do Carballiño. A función da música non era a de servir como simple acompañamento á instalación senón a de establecer unha pauta temporal (tamén espacial) que condicionase o seguimento e as posibles lecturas na articulación da mesma.

O evento deu inicio ás 21:00h. Tras os 45 minutos que ocupou a charla de presentación, o paulatino escurecemento do templo (dispúxose que o seu interior, durante a actividade, fose iluminado unicamente por luz natural) permitiu ao público asistente observar non só un incremento gradual na percepción das imaxes que daban forma á instalación, senón tamén o modo en que a luz se desprazaba no interior do templo á tardiña. A claridade diúrna foi abandonando o interior do edificio mentres debuxaba nas superficies pétreas unha secuencia de escintileos, en lento varrido; unha coreografía de luces puntuais. O extremo final dese movemento terminou concentrándose en catro dos vans que esta igrexa presenta na súa ábsida. Estas catro vidreiras rectangulares, neses instantes, comportábanse como embude absorbente da luz, como un vértice de fuga ou auténtico “bufarda” final no seu percorrido.

Un corazón de luz no seu interior.

A orientación que presenta o templo, disposto o seu eixo principal en dirección Noroeste, permite que o desprazamento do sol, na súa posta, distribúa dunha maneira tan acertada o movemento da luz ao redor da zona da ábsida no edificio: dada a simboloxía “cenital” que acompaña á zona da súa cabeceira en calquera edificio relixioso, existe neste punto e neste momento unha converxencia ideal. Tanto a nivel formal como conceptual, nesta obra de Antonio Palacios (e durante ese instante concreto do atardecer, ao comezo da época estival) a luz clausura o día no interior do templo como un último hálito de vida que abandona o espazo arquitectónico a través da súa “testa”, do seu cume (en canto ao plano horizontal do seu deseño).

Esta interpretación determinou, en boa medida, a localización dos catro apéndices que conformaban a instalación audiovisual: unha proxección principal, realizada sobre unha pantalla cinematográfica elevada fronte ao altar maior; dúas proxeccións laterais, sobre amplas bandeirolas rectangulares (de gasa), que flanqueaban á proxección principal e unha última proxección sobre a cúpula que coroa a ábsida. Tamén o horario e calendario do evento formaban parte, igualmente, das “ferramentas” que terminaron por estruturar a proposta de instalación no tempo da Veracruz.

Imaxe 1: debuxo da planta da Veracruz realizada por Antonio Palacios en tinta aguada e acuarela sobre copia heliográfica (arquivo familia Otero).

Imaxe 2: distribución espacial de los cuatro focos de proyección de la instalación audiovisual.

Imaxe 3: vista aérea do templo na que se sinala a súa orientación en dirección NO.

En base á interpretación proposta, referida ao xeito en que a luz do edificio se retira no seu interior á tardiña, o papel que parece asumir a zona do baldaquino no seu centro sería semellante á dun inmenso diafragma, ou ata a dun gran corazón lumínico, labrado en pedra. O arco dos apóstolos, que separa a ese espazo central do templo da nave que conduce ao coro, sería á súa vez o limiar que delimita o principal radio de acción do corazón lumínico no centro do edificio. Unha centrifugadora de luz que temporiza e espaza, no interior, a luz do día. Á súa vez, xa no transito onde se enfila a parte máis “abdominal” da estrutura arquitectónica (o acceso á entrada porticada que se atopa baixo a torre na súa base), entre o monumental arco parabólico coroado de hornacinas con figuras apostólicas e o coro alto, a luz é xa un ser distinto; un apéndice máis silencioso, secundario, da coreografía lumínica central.

En algunhas das primeiras imaxes que se conservan do templo, como aquelas que documentan a súa construción e que se atopan nos arquivos da familia Otero, estas metáforas que falan de desprazamentos orgánicos na estrutura arquitectónica do edificio, cuando se atopa animada pola irrigación e a circulación da luz, resultan moito máis evidentes.

Anexo - secuencia (en 56 frames) dunha instalación audiovisual fundíndose no corazón lumínico do templo:

CADERNO DE CAMPO - Nota n. 2 10/07/2024:

"A música como medio de exploración espacial"

Tal e como sinalamos na nota n. 1 deste caderno de campo, o evento (institucional e de investigación) celebrado no templo da Veracruz de O Carballiño, o 31 de maio de 2024, contou tamén coas “ferramentas” de exploración espacial e temporal que contén a música. A Coral Polifónica do Casino do Carballiño, dirixida por Jaime González Pichel, interpretou un repertorio dividido en tres bloques temáticos (“música relixiosa”, “cantos galegos” e “músicas do mundo”) que incluían composicións de Giovanni Pierluigi da Palestrina, Roger Emerson, Rogelio Groba, Julio Domínguez, Arlindo Teixeira, Juan del Encina, Georg Friedrich Häendel…

A música, en canto medio que permite sondar dun modo particular a composición dun espazo, e máis aló doutros moitos argumentos que o son é capaz de revelar in situ, evidenciou no encontro o carácter de “gruta” ou “cova labrada na pedra” que presenta este templo ideado por Antonio Palacios. Unha impresión sobre a que reflexionaron distintos especialistas na obra do arquitecto.

Lembremos o que Ramón Andrés, por exemplo, apunta no seu libro O mundo no oído, a este respecto: “no Tíbet existía o costume, testificada xa desde o século VII d. C., de escavar nas paredes das cavernas unhas pequenas oquedades destinadas a que ecoasen nelas uns címbalos similares ao chamado bud-chel, aínda que de menor tamaño, e é coñecido o feito de que os monxes xainas da India fixeron das grutas a súa morada e espazo de meditación, e que co paso dos anos adquiriron para estes a condición e importancia de santuarios. É notoria, como imitación do devandito hábito, a construción de lugares sacros perforados nas rocas, tal como sucede na india Badani ou na xordana Petra…” (Ramón Andrés, O mundo no oído. O nacemento da música na cultura. Editorial Acantilado, Barcelona, 2008). Resulta fundamental non esquecer que o son actúa na conformación dun espazo.

O fragmento de vídeo que a continuación ofrecemos contén a interpretación da canción “Nerea Izango Zen” ou “Txori Antxori”, como foi titulada orixinalmente a peza polo seu autor, o poeta e músico vasco Mikel Laboa. O coro seguiu unha versión baseada nos arranxos que sobre a mesma realizou Javier Busto.

Constelacións / Sementes / Xestos / Movemientos

“A tendencia, só na súa aparencia externa puramente artística, á recuperación dos claros contornos da linguaxe xestual conduciu por si soa, é dicir, conforme á lóxica interna das cadeas rotas, a unha linguaxe de formas que se adecuaba ao fatalismo tráxico, estoico, da antigüidade…”

(Aby Warburg, introdución ao Atlas Mnemosyne

*O conxunto de imaxes que ilustran os traballos de construción do templo pertenecen ao arquivo da familia Otero. Atópanse publicadas no libro de Adolfo Otero Cerdeira Santuario da Veracruz de Antonio Palacios (Xunta de Galicia, 2003).

Co apoio do Excmo. Concello de O Carballiño