CADERNO DE CAMPO - Nota n. 2 10/07/2024:
"A música como medio de exploración espacial"
Tal e como sinalamos na nota n. 1 deste caderno de campo, o evento (institucional e de investigación) celebrado no templo da Veracruz de O Carballiño, o 31 de maio de 2024, contou tamén coas “ferramentas” de exploración espacial e temporal que contén a música. A Coral Polifónica do Casino do Carballiño, dirixida por Jaime González Pichel, interpretou un repertorio dividido en tres bloques temáticos (“música relixiosa”, “cantos galegos” e “músicas do mundo”) que incluían composicións de Giovanni Pierluigi da Palestrina, Roger Emerson, Rogelio Groba, Julio Domínguez, Arlindo Teixeira, Juan del Encina, Georg Friedrich Häendel…
A música, en canto medio que permite sondar dun modo particular a composición dun espazo, e máis aló doutros moitos argumentos que o son é capaz de revelar in situ, evidenciou no encontro o carácter de “gruta” ou “cova labrada na pedra” que presenta este templo ideado por Antonio Palacios. Unha impresión sobre a que reflexionaron distintos especialistas na obra do arquitecto.
Lembremos o que Ramón Andrés, por exemplo, apunta no seu libro O mundo no oído, a este respecto: “no Tíbet existía o costume, testificada xa desde o século VII d. C., de escavar nas paredes das cavernas unhas pequenas oquedades destinadas a que ecoasen nelas uns címbalos similares ao chamado bud-chel, aínda que de menor tamaño, e é coñecido o feito de que os monxes xainas da India fixeron das grutas a súa morada e espazo de meditación, e que co paso dos anos adquiriron para estes a condición e importancia de santuarios. É notoria, como imitación do devandito hábito, a construción de lugares sacros perforados nas rocas, tal como sucede na india Badani ou na xordana Petra…” (Ramón Andrés, O mundo no oído. O nacemento da música na cultura. Editorial Acantilado, Barcelona, 2008). Resulta fundamental non esquecer que o son actúa na conformación dun espazo.
O fragmento de vídeo que a continuación ofrecemos contén a interpretación da canción “Nerea Izango Zen” ou “Txori Antxori”, como foi titulada orixinalmente a peza polo seu autor, o poeta e músico vasco Mikel Laboa. O coro seguiu unha versión baseada nos arranxos que sobre a mesma realizou Javier Busto.