ATLAS PALACIOS 2024-2026 é un proxecto multimedia que promove o estudo da figura de Antonio Palacios a través dun diálogo actualizado entre os seus edificios máis significativos. Unha cartografía en imaxes e sons que reformula o modo en que é posible interpretar a relación que Galicia e Madrid manteñen dentro do seu conxunto arquitectónico. A proposta parte da realización dun ensaio audiovisual. Os materiais de traballo derivados da devandita produción serán almacenados e clasificados, paulatinamente, nun fondo documental interactivo situado no portal dixital do Círculo de Belas Artes de Madrid. Este fondo de contidos (tomas en localizacións orixinais, entrevistas a expertos, anotacións de diversa índole, fotografías, planos…) será de acceso público e gratuíto. O apartado web servirá tamén para coordinar e promocionar a realización de distintas actividades didácticas ou artísticas relacionadas co proxecto. Trátase, por tanto, dunha formulación transversal con tres liñas básicas de actuación: unha rede expositiva con instalacións audiovisuais situadas en distintos edificios do arquitecto, unha páxina web e un filme ensaístico que irán recollendo e ilustrando os obxectivos e avance da proposta.